O Concello de Lugo inicia o pintado de 50 novas prazas de aparcamento na rúa que une Infanta Elena con Serra de Meira, entre os barrios de Paradai e As Gándaras, nas inmediacións da estación ferroviaria da cidade.
Trátase dunha medida temporal destinada a paliar o peche do aparcamento gratuíto que Adif tiña á beira da estación de tren como consecuencia do inicio dos traballos de construción da nova estación Intermodal. Para a elección desta localización, o Concello de Lugo valorou a súa proximidade á estación de tren e a súa proximidade ao centro da cidade, a súa accesibilidade así como os parámetros de seguridade viaria que proporciona a vía nas que se sitúan estes novos estacionamentos. As prazas entrarán en funcionamento ao longo da próxima semana.