O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, informou das melloras que vai a realizar o Concello este verán en todos os colexios públicos e garderías infantís municipais da cidade, unhas actuacións ás que destinará preto de 85.000 euros e que responden ás peticións realizadas polos equipos directivos dos centros.
No Colexio da Ponte realizarase o pintado de tres aulas, o arranxo dos canlóns e reparación do firme do acceso ao centro. Polo que respecta ao CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela farase a reparación da cuberta da pista polideportiva.
En canto ao centro educativo da Anexa repararase a cuberta da pista polideportiva e abrirase unha porta na zona administrativa. Nas instalacións do Colexio de Casás terá lugar a apertura dunha porta na pista polideportiva, farase un rampla de acceso e colocarase unha varanda de seguridade.
Ademais, no CEIP de Albeiros realizarase a o reparación do aparcamento e do acceso a infantil. No Colexio Menéndez Pelayo realizarase a reparación e substitución das tubaxes de auga potable.
Nas instalacións do centro educativo Quiroga Ballesteros farase o pintado das aulas e dos andares da planta baixa, así como a reparación das columnas do peche perimetral. En canto ao Colexio Illa Verde repararase e acondicionarase a zona de xogos de infantil.
No CEIP As Gándaras realizarase o pintado de tres aulas. Nas instalacións do centro educativo de Paradai arranxaranse os baños da planta baixa e instalarase unha billa exterior. Ademais en todos os centros se arranxará e repararán os areeiros dos que dispoñen.
Outras actuacións solicitadas polos colexios faranse ao longo do curso con cargo ao plan de emprego municipal que levará a cabo a entidade local este ano.
Escolas infantís municipais
Nas instalacións da Escola Infantil Luis Soto Menor, situada en San Fiz, instalarase aire acondicionado para solucionar o problema de temperatura nos corredores e distribuidores. Polo que respecta ás de Serra de Outes e Gregorio Sanz, realizaranse diversas reparacións solicitadas polos equipos directivos destes centros.