Dende a área de Medio Ambiente, o seu edil, Álvaro Santos, lembraba hoxe que o Concello de Lugo conta cun servizo especial de recollida de lixo a domicilio “a disposición de todas aquelas veciñas e veciños que estean diagnosticados de COVID ou deban permanecer en corentena”.
Un dispositivo que ten como obxetivo frear a propagación da pandemia tanto entre a cidadanía como entre o persoal que se encarga da retirada e tratamento dos residuos.
“Calquera persoa que deba permanecer confinada no seu fogar pode solicitar a través da Policía Local esta prestación – indicou o concelleiro – que é totalmente gratuíta, só ten que poñerse en contacto co 092 e facilitar os seus datos para que, dende Medio Ambiente, poidamos programar o operativo”.
Santos Ramos deu conta tamén de que durante o Estado de Alarma este servizo foi empregado por arredor dunha trintena de familias lucenses.
Santos Ramos reitera así mesmo a petición de “manter abertos os colectores de carga traseira para que a poboación non teña que manipulalos cando desbote os seus refugallos” e incidiu igualmente na “importancia de, ante a evolución que está a ter a crise sanitaria, seguir extremando as precaucións como pode ser evitar o contacto cos diferentes elementos que compoñen o mobiliario urbano e non relaxarse na adopción doutras medidas de tipo individual como manter a distancia social, facer uso da máscara e lavar frecuentemente as mans con auga e xabón”.
“Toda a cidade, incluídas as dotacións que están na vía pública como papeleiras, bancos, varandas, marquesiñas do bus e, por suposto, os contedores son desinfectados periodicamente, sen embargo é fundamental que, a nivel particular, actuemos con toda a prudencia posible para tratar de conter os contaxios”, concluíu o responsable de Medio Ambiente.