O Executivo local procederá este mes de febreiro á aprobación inicial da modificación puntual 03, non substancial, do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para acadar a descatalogación do Edificio de Correos, sito ao carón da actual estación do Ferrocarril, logo de que a Xunta de Goberno dera a súa conformidade, en decembro, ao proxecto técnico elaborado polo Servizo de Arquitectura que recollía os cambios a realizar no ámbito territorial da ficha L-m53 do Catálogo de Protección do PXOM no que, de forma errónea, se atopaba incluído o devandito inmoble.
O trámite supón avanzar na materialización, por parte do Concello, das competencias que este tiña asignadas no protocolo de colaboración que mantén coa Xunta de Galicia e o ADIF para posibilitar a construción da Estación Intermodal de Lugo.
Pese a que resultaba notorio que a similar catalogación dos dous inmobles obedecía a un erro – xa que entre o da Estación (anterior a 1893) e o de Correos (posterior a 1977) dista case un século – a Xunta mudou de opinión opoñéndose a acelerar a súa corrección pola vía interpretativa, inicialmente acordada, e impedindo que a emenda se alcanzara coa aprobación dun informe de interpretación de interese público. Un cambio de criterio contrario á simplificación da tramitación e que dilatou o procedemento considerablemente.
A alcaldesa explicou que, logo deste traspés e tras recibir o informe favorable do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias ao proxecto elaborado polo Concello, a modificación deberá ser validada agora polo Pleno para, a continuación, someterse a exposición pública polo prazo dun mes, periodo tralo cal – así como da resolución das posibles alegacións que se presenten – o expediente será remitido á Consellería de Urbanismo para que emita informe vinculante.
En caso de ser positivo, a Administración local procederá á súa aprobación definitiva coa posterior publicación do acordo no DOG e á remisión dun exemplar do PXOM coa modificación puntual xa incorporada á Consellería de Medio Ambiente para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, paso imprescindible e definitivo para darlle eficacia ao acordo.
A rexedora lembrou que, acolléndose ás indicacións realizadas dende Patrimonio Cultural para a redacción do proxecto, o equipo técnico revisou a contorna de protección do edificio da estación do ferrocarril e estableceu os condicionantes necesarios tanto para a salvagarda do ben protexido como da devandita contorna, sen que isto supuxera a cualificación do mesmo como ben catalogado.
A rexedora lucense apelou ao cumprimento dos compromisos anunciados polos organismos públicos para materializar a dotación e quixo destacar a importancia de axilizar todo o posible o procedemento “para que Lugo poida contar o máis axiña posible cunha infraestrutura que resulta vital para incrementar a nosa competitividade e conectividade co resto do país”, concluíu.