A titular de Cultura no Concello de Lugo anunciou hoxe que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica a licitación para autorizar a instalación das catro casetas e os catro caldeiros do polbo durante as festas do San Froilán deste ano e máis do vindeiro.
Os prezos de saída para as casetas son 18.772,79 euros para a número 1, 17.700,06 para a 2, e 16.627,33 euros para a 3 e a 4. En canto aos caldeiros, situaránse nos 11.714, 22 para o número 1; 11.044,84 para o número 2, e 10.375,46 euros para o 3 e o 4. Os prezos das casetas e caldeiros, que se instalarán na rúa Vila de Foz, establécense en función da proximidade ao recinto feiral. As dimensións máximas das casetas serán de 33×9,30 metros e dos caldeiros do polbo, de 11×4 metros.
As persoas interesadas poderán presentar propostas durante 15 días hábiles, é dicir, ata o 24 de xullo, no Rexistro Xeral do Concello. As instancias deberán ir acompañadas de dous sobres, un coa documentación administrativa e outro coa oferta económica. Para este ano, a montaxe poderase iniciar o día 14 de setembro e comezar a actividade o 3 de outubro, manténdose en funcionamento ata o día 4 de novembro.
O prego regula tamén os prezos dos produtos a vender que se sitúan en 12 euros a ración de 250 gramos de polbo; 1,50 euros os 200 gramos de pan e outro tanto, é dicir, 1,50 euros a ración de cachelos (tamén de 200 gramos). Ademáis os 0,75 litros de viño de mesa, teñen o prezo estipulado en 6 euros.
As casetas poderán ofrecerlle ao público outros alimentos e bebidas complementarias que non estean reguladas no prego, debendo colocar, tanto no interior como no exterior da instalación, o cadro de prezos autorizado, con cantidade, peso e volume ofertado, visado polo Concello. Para o ano 2019 os prezos poden variar dependendo do prezo do mercado do produto nese momento.