A Xunta de Goberno deste mércores aprobou a apertura do procedemento de contratación das obras de mantemento e demolición de anexos no cuartel de San Fernando de Lugo. Do mesmo xeito, aprobouse o proxecto técnico, realizado por Evislusa, e o prego de cláusulas administrativas que rexerán na licitación, que se fará por procedemento aberto.
Así o deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen avanzou que as tarefas están encamiñadas a dar seguridade e garantir a conservación do edificio, declarado Ben de Interese Cultural en xullo de 2009. Os traballos, que pasan pola demolición e o movemento de terras, o techado e outras actuacións de construcción especializada, teñen un prazo de execución de 14 semanas e previsiblemente comezarán no mes de agosto.
“Con estas actuacións, asegurarase a estrutura do edificio, arranxarase a cuberta eliminando as filtracións de auga, tanto nesta estrutura como no propio edificio, dotaranse de canles baixantes e conectaranse á rede de saneamento, así como se derrubará e acondicionarán as caballerizas traseiras”, subliñou Fernández, ao tempo que lembrou que estas obras se enmarcan dentro dun convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Consellería de Cultura, dotado con 180.000 euros, que financian ao 50% a administración local e autonómica.