O Concello de Lugo dedicou á eliminación de debuxos e garabatos no 2022, un total de 37.000 euros e ten previsto incorporar nas vindeiras semanas maquinaria de vapor para mellorar a eliminación de pintadas en rúas, fachadas e mobiliario urbano. Medio Ambiente está a realizar un intenso labor de limpeza das pintadas en rúas, fachadas e mobiliario urbano da cidade, “actos de vandalismo e feísmo que nada teñen que ver coa arte urbana, que si estamos a potenciar, e que supón un dano á imaxe de Lugo, así como un alto custo económico para as arcas municipais”, sostén o edil responsable, Sr. Fernández.
“Moitas das pintadas levan a mesma firma”, indica o concelleiro, que lembra que estas accións que danan e deslocen os bens públicos e privados constitúen unha infracción e levan aparelladas sancións de ata 600 euros. Nas pintadas en bens públicos pódese actuar con maior rapidez, sinala o edil. Cando son en edificios e vivendas privadas debe primeiro solicitalo a propiedade ao Concello e é un procedemento máis lento; a única excepción é o Centro Histórico, onde se suprimen de forma periódica tres veces ao ano, independentemente de que o pidan ou non.