O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, lembraba hoxe á poboación que o servizo de mantemento e conservación de parques mantén sen subministración as fontes conectadas á traída pública, evitando así que estas se convertan nun foco de contaxio do covid debido á súa manipulación.
“En total falamos de preto dun cento de mananciais nos que, sendo potables e cumprindo todos os requisitos de salubridade, se cortou a auga para disuadir da súa utilización. Unicamente permanecen habilitados aqueles que se atopan dentro dos canís municipais para consumo dos animais cando acoden a estes recintos”, sinalou o concelleiro ao tempo que aproveitou para facer un chamamento á colaboración cidadá
solicitando á veciñanza que non quite os carteis, instalados polo Concello nas propias fontes, ao carón da billa, desaconsellando o contacto directo coas mesmas.
“Trátase de información de servizo, que cumpre un importante labor de divulgación xa que contén indicacións de saúde pública polo que rogamos ás e aos lucenses que actúen con responsabilidade e, ademais de ter en conta e respectar as instrucións que conteñen, pola súa seguridade propia e a de quen os rodea, non os danen nin os retiren”, concluíu o concelleiro.
Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales coma reconocerte cando volves á nosa web ou axudar ó noso equipo a comprender qué seccións da web atopas máis interesantes e útiles.