O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisou este martes as obras de renovación da iluminación pública no entorno do estadio Anxo Carro. Trátase dunhas obras que contan cun orzamento de 29.000 euros e que pasan pola reparación e adecuación da instalación existente nesta zona. A nova iluminación será de máxima eficiencia enerxética e integrarase no entorno, tanto de día como de noite.
Núñez informou de que “o proxecto consiste na reposición dos 51 puntos de luz existentes no Anxo Carro -sobre columna-, unhas actuacións que deberán estar rematadas en dous meses”. A potencia total que se instalará é de máis de 7.600w, sendo a enerxía consumida de máis de 36.700Kwh/ano, cun custe total aproximado duns 4.800 euros ao ano. Empregaranse luminarias de 150w.
O Concelleiro subliñou “a importancia que ten esta actuación, que responde a demandas dos veciños e veciñas, para a mellora dos servizos públicos, incrementándose a visibilidade e a seguridade viaria de peóns e vehículos nesta zona, na que se chegan a concentrar unhas 5.000 persoas cando se disputan encontros deportivos”.
A reposición da iluminación súmase a outras actuacións que está a levar a cabo o Concello nos últimos días en diversos puntos da cidade, como a reposición do arboredo na rúa Ramiro Rueda, o acondicionamento do camiño de acceso ao barrio de Xuíz, a reposición do firme do Camiño das Regas da Fervedoira ou a limpeza intensiva por barrios que vén de arrancar a pasada semana.