O Goberno local vén de nomear a Ana Sáez Mancebo, até o de agora asesora xurídica do Concello, como nova directora xeral de Recursos Humanos. Entre os cometidos desta nova figura, aprobada en pleno no mes de xuño, están os de traballar para a creación dunha nova Relación de Postos de Traballo actualizada, redimensionar o actual cadro de persoal, acometer os procesos de funcionarización ou implantar un sistema de control horario.
Este nomeamento vén acompañado de polémica xa que o sindicato CSIF denunciou a semana pasada a esta traballadora, á actual alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e ao ex alcalde, José López Orozco. O sindicato entende que os dous rexedores cometeron senllos delitos de prevaricación e malversación por manter no posto de letrada asesora a Sáez en réxime de comisión de servizos cando, din, existían sentenzas que anulaban este nomeamento.
O CSIF considera ademais que Ana Sáez cometeu un delito de enriquecemento ilícito, xa que en dito posto cobraba un complemento salarial moi superior ao que lle correspondería como funcionaria.