A consellería de Cultura vén de revocar a orde municipal de demolición do inmoble da Rúa Recatelo número 3 por formar esta parte do territorio histórico do Camiño Primitivo, tal como informou esta mañá en comisión o concelleiro responsable de urbanismo, Daniel Piñeiro, respondendo ás preguntas de Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida (ACE-EU) sobre a intención do goberno local de demoler esta casa tradicional.
Esta edificación atopase na entrada máis importante ao antigo barrio de Recatelo, nun lugar de encontro coa saída do Camiño do recinto histórico pola Porta de Santiago. A esquina entre a Ronda da Muralla e a rúa Recatelo forma, indubidablemente, segundo advirte Ace-Eu, parte da paisaxe do Camiño nun punto esencial da súa relación coa cidade histórica e a Muralla Romana, e así o confirmou oficialmente o organismo autonómico.
Esta resolución evidencia ademáis o que advertira hai tempo este grupo municipal, que para outorgar calquera licencia para construir ou intervir de calquera xeito nas construccións dentro da delimitación do territorio histórico do Camiño Primitivo hai que solicitar obrigatoriamente a autorización á Consellería de Cultura, por tratarse dun ámbito protexido como Patrimonio da Humanidade e Ben de Interese Cultural.
Esta casa en concreto forma ademáis un conxunto co resto de casas contiguas (cinco en total), todas da mesma tipoloxía, volumetría e sistema construtivo, con elementos característicos da arquitectura tradicional luguesa: balcóns construídos con lousas ou granito, galerías, beirados grandes, notables chemineas, etc. Para ACE-EU non cabe lugar a dúbida de que todo este conxunto se debe rehabilitar, protexer e valorizar como unha unidade, que reúne as características tipolóxicas da arquitectura dun núcleo importante na cidade histórica de Lugo como foi o barrio de Recatelo, vinculado tradicionalmente, e agora xa pola delimitación oficial, ao Camiño Primitivo.
“O municipio de Lugo ten un importante patrimonio cultural e natural do que aínda non somos de todo conscientes que protexido e posto en valor con restauracións e adaptacións respetuosas, e aproveitando todas as súas posibilidades,pode ser una importante fonte de recursos tal e como indican a ONU na súa Nova Axenda Urbana e a UNESCO nos indicadores de cultura para o desenvolvemento”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.
ACE-EU xa levou hai uns meses a Pleno a proposta da modificación do PXOM para a incorporación da delimitación do territorio histórico do Camiño Primitivo e o establecemento das determinacións específicas para o seu réxime de conservación, tal e como esixe a lei de patrimonio cultural de Galicia, proposta que resultou aprobada e que debería executarse canto antes tanto en aras da protección patrimonial como da seguridade xurídica das licenzas de obra.