O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou no día de hoxe, durante a rolda de prensa, que por parte do Concello non se formalizará a recepción do novo auditorio ata que non se faga “a correspondente auditoría técnica que confirme que a obra cumpre coas condicións prescritas no proxecto”.
“Dada a magnitude da instalación, os informes deberán ser realizados por varios servizos técnicos do concello, e no caso de existir algunha dotación con especificidades técnicas, incluso se poderían encargar informes externos a empresas especializadas” indicou Arroxo, e engadiu que “este trámite, que se realiza na recepción de calquera tipo de obra por parte do Concello, cínguese á legalidade vixente”.
Segundo o Tenente de Alcalde, “antes da recepción da obra, técnicos municipais ou empresas externas realizarán unha minuciosa inspección para cursar os correspondentes informes, e sen este paso previo a obra non poderá ser recepcionada”.
En relación á conexión eléctrica, o convenio asinado entre Xunta e Concello estabelece con claridade que a contratación do subministro eléctrico, de gas e de auga, corresponde ao concello como titular, unha vez se proceda á recepción do inmoble.