A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este mércores unha nova actividade gratuíta que organiza o Concello no marco do programa +Xti de prevención no consumo de dorgas, dirixido á mocidade luguesa de entre 12 e os 17 anos.
Trátase de Iniciación á equitación, que terá lugar no centro de hípica Equs Cavalleti, en Rubiás, todos os martes e xoves de xullo, en quenda de mañá de 12:00 a 13:00 horas e de tarde, de 19:00 a 20:00 horas. Estableceranse catro grupos, cunha duración total de 4 horas por grupo.
Todos os interesados en participar nesta actividade, que conta con 20 prazas, poden inscribirse na Casa da Xuventude a partir do vindeiro luns e ata o 1 de xullo. No caso de ser maior o número de solicitudes que de prazas, celebrarase un sorteo público na Casa da Xuventude o día 4 de xullo ás 10:00 horas.
Tal e como subliñou Basadre, “trátase dunha actividade moi demandada polos rapaces, que lles permite pasar dunha forma distinta o seu tempo de lecer, ao tempo que aprenden novas habilidades rodeados doutros mozos da súa idade, e neste caso en contacto coa natureza e os animais”.