O Concello oferta máis de 2.000 prazas para a nova programación de animación sociocultural

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social, Ana María González Abelleira, presentou este xoves no Salón de Plenos a nova programación de animación sociocultural dirixida a persoas adultas e a nenos e nenas que o Concello de Lugo organiza a partir de outubro.

O Concello oferta máis de 2.000 prazas para participar en 124 obradoiros, que se desenvolverán dende o 26 de outubro ata o 31 de maio nos 7 centros de convivencia municipais. Grazas a estes talleres, os lucenses poderán familiarizarse coa tradición do encaixe de palillos, con labores de gancho, coa cestería, ou o tear tradicional, entre outros. Ademais poderán practicar pilates, bioximnasia bailes de salón e latinos ou ioga. Os participantes tamén terán a oportunidade de aprender a manexar as novas tecnoloxías ou técnicas de pintura ao óleo.

A programación de animación sociocultural ademais de ditos obradoiros, inclúe tamén cursos de castelán para persoas estranxeiras e aulas abertas. Os telecentros e as escolas rurais terán tamén o seu programa de actividades. “Coa organización destas actividades pretendemos ofrecer unha alternativa máis aos veciños e veciñas de Lugo que queiran optar polo ocio saudable e a aprendizaxe de novas habilidades sociais para ocupar o seu tempo de lecer, poñendo á súa disposición a rede municipal de centros de convivencia municipal e de centros sociais. É vontade deste goberno seguir apostando polo benestar social”, destacou González Abelleira.

A Concelleira amosou a súa satisfacción polo éxito que ano tras ano acadan estas actividades, que axudan á socialización de gran número de veciños e veciñas. “Estas actividades xa están marcadas no calendario dos lucenses. De feito, hai moitos veciños e veciñas qeu xa levan tempo preguntando cales son as actividades deste ano. Son obradoiros moi agardadados”, subliñou a edil.

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social oferta 124 obradoiros e máis de 2.000 prazas para estas actividades, máis dun cento para nenos e nenas e o resto para persoas adultas. Esta programación engloba en total máis de 5.700 horas de lecer. O centro de convivencia Maruja Mallo ofrece 434 prazas, seguido do de Fingoi, con 377 e o da Milagrosa, con 344. O resto de prazas divídese entres os centros Uxío Novoneyra (310), Lamas de Prado (276), María Balteira (241) e Sagrado Corazón (90).

Todos os interesados en participar nalgún dos obradoiros poden inscribirse dende o día 21 ao 25 de setembro, de 09:00 a 13:00 horas, no centro de convivencia no que desexen practicar algunha das actividades propostas polo Concello. O sorteo de prazas terá lugar o 7 de outubro. Posteriormente, publicarase a lista de admitidos e admitidas e abrirase o período de pagamento de cota, dende o 8 ao 14 de outubro. As listas definitivas publicarase o 20 de outubro. O período de inscrición para as aulas abertas e os cursos de castelán para persoas estranxeiras será o 9 e 10 de novembro e do 16 ao 20 de novembro, respectivamente.

O custe das actividades vai dende obradoiros gratuítos ata unha cota de 20 euros anual. Máis información na web www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com