O Concello presentou este venres a iniciativa Fórmate Lugo. Trátase dunha nova plataforma online a través da que o Concello de Lugo ofrece 850 prazas gratuítas en 50 cursos de formación para lucenses desempregados ou en situación de ERTE, así como para autónomos en cese de actividade.
Lara Méndez, que animou ás e aos lucenses “a reiventarse nesta etapa de crise”, explicou que “dende o Concello apostamos pola formación como ferramenta indispensable para mellorar a empregabilidade da cidadanía e para reimpulsar os negocios e pemes lucenses tralo confinamento. Por iso, lanzamos Fórmate Lugo, unha ampla oferta formativa online dirixida aos colectivos máis afectados polas consecuencias da crise, co obxectivo de incrementar os seus coñecementos, axudar a mellorar a súa empregabilidade, e promover a súa inserción laboral a través da formación en competencias e capacitación”.
Fórmate Lugo contempla 14 áreas profesionais, poñendo a disposición dos lucenses cursos online de idiomas, márketing, administración de empresas, informática, loxística, turismo, industria alimentaria ou prevención contra a Covid-19, entre outros. Deste xeito, poderase elixir entre unha gran variedade de materias ou áreas máis técnicas, como programación ou sistemas de bases de datos, competencias moi demandadas na dixitalización que experimenta o mercado.
Prazo de inscricións e requisitos dos participantes
O prazo para matricularse nos cursos abrirá o vindeiro luns, 15 de xuño, ás 10:00 horas a través da páxina web FormateLugo.gal. Os requisitos para realizar un curso son: ser maior de 16 anos, estar empadroado/a en Lugo e estar en situación de desemprego, afectado por un ERTE, ou ser autónomo en situación legal de cese de actividade, no momento da solicitude.
Unha vez inscritos, os cursos realizaranse de forma totalmente online nunha plataforma dispoñible as 24 horas do día, todos os días da semana, para maior comodidade do alumnado. Ademais, poderase acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tablet ou móbil. As horas de aprendizaxe dependerán de cada curso, pero oscilan entre un mínimo de 15 horas e un máximo 210.
As persoas que completen satisfactoriamente o curso online, recibirán un diploma acreditativo emitido polo Concello de Lugo. Toda a información sobre Fórmate Lugo e as particularidades desta oferta formativa pódense consultar de forma detallada na páxina web FormateLugo.gal