A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, mantivo un encontro esta mañá cos cativos e cativas que están a participar nas Aulas Abertas do Centro de Convivencia Maruja Mallo, unha programación posta en marcha pola entidade local nos períodos de vacacións para facilitar a conciliación laboral e familiar.
Con estas actividades, que tamén teñen lugar nos centros Uxío Novoneyra, Lamas de Prado, Milagrosa, Fingoi e María Balteira, o Concello ofrece 540 prazas para os cativos e cativas lucenses, entre os meses de xullo e agosto, de entre 3 e 7 anos. As Aulas Abertas, que buscan ofrecer unha alternativa máis aos máis pequenos da casa ao longo do verán e que lles facilita que se manteñan en contacto con outros nenos e nenas da súa idade, rematarán o 31 de agosto.
Durante o encontro, Ana González Abelleira presenciou unhas demostracións de coreografías musicais realizadas polos propios nenos e nenas que participan nestas actividades.