O Concello de Lugo ven de anunciar que ofrecerá os pisos de emerxencia dos que dispón e o albergue municipal para acoller refuxiados sirios ante a situación humanitaria de emerxencia xerada pola guerra en Siria. Así o avanzou este xoves a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen lle trasladou á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) “dos recursos que dispón o Concello para ofrecer, dentro das súas posibilidades, unha vivenda digna para os refuxiados”.
A rexedora engadiu que o Concello, ademais dos dous pisos de emerxencia social dos que dispón e o albergue municipal, porá á disposición dos refuxiados toda a rede de prestacións e axudas sociais coas que conta a entidade local. Tamén buscará a coordinación coas organizacións humanitarias da cidade para sumar esforzos.
“Ante este drama humanitario intolerable, o Concello de Lugo está disposto a colaborar e axudar para que todas estas persoas que se ven obrigadas a fuxir do seu país como única saída para escapar de conflictos bélicos e da destrucción, alcancen unha vida máis digna”, destacou Lara Méndez, quen subliñou que Goberno central e Xunta deben coordinar a acollida.
Ante esta “situación dramática, as administracións temos a obriga de atopar solucións urxentes para auxiliar a estas persoas, garantindo sempre e por riba de todo a defensa dos dereitos humanos”, sinalou a rexedora.