A Concellería de Medio Ambiente ornamenta estes días as zonas verdes de toda a cidade con máis de 30.000 plantas en flor.
18 variedades, entre as que destacan begonias, petunias, dahlias ou celosías, que tinguirán de cor ademais dos xardíns da capital outros espazos públicos como prazas e mesmo rúas.
Os traballos, que teñen un tempo moi limitado para poder executarse debido aos condicionantes que impón a plantación, comezaron esta semana no Centro Histórico pero tamén nos barrios como pode ser o da Piringalla.
A renovación da decoración vexetal chegará por primeira vez ás prazas de Bretaña, Milagrosa, San Xoan, Agro do Rolo, Manuel María – Túnel do Oural e Fonte dos Ranchos; aos xardíns de San Roque, ás avenidas de Madrid e de Adolfo Suárez, á Ponte de Paradai, á Rolda Xosé Castiñeira e ás medianas da rúa Illa de Man.