A titular de economía no Concello de Lugo, Ana Prieto, informou da aprobación mediante decreto da liquidación do orzamento do 2017, que certifica, subliñou a edil, “a confección realista das contas, pois a execución dos ingresos foi un 14% superior que os gastos, e o superávit elévase a 6,4M€”, importe que o Concello poderá destinar na súa totalidade a investimentos ao contar con débeda financeira cero.
Este trámite contable permitirá a incorporación de remanentes necesaria e dispoñer así de consignación económica para acometer actuacións, como a peonalización da praza da Milagrosa e da rúa Quiroga Ballesteros, a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, ou o acondicionamento dos aparcamentos disuasorios e do parking do HULA.
Estes proxectos estaban incluídos na modificación de crédito aprobada de maneira definitiva en setembro do ano pasado en Pleno, despois das alegacións presentadas de maneira interposta por Cidadáns. As partidas correspondentes a estas obras que non foron executadas no 2017 engadiranse agora ao Orzamento do 2018 a través da devandita incorporación de remanentes.
O nivel de execución global do orzamento 2017, prorrogado do 2016, foi superior ao 75%, porcentaxe que se eleva ao 83% si se toman como referencia as actuacións adxudicadas ao final do exercizo.