O Concello de Lugo solicitaralle á Consellería de Economía, Emprego e Industria dous novos obradoiros de emprego por un importe conxunto duns 498.000 euros para mellorar a inserción laboral de 36 veciñas e veciños desempregados, ofrecéndolles formación no eido das novas tecnoloxías relacionadas coa posta en valor do patrimonio cultural de Lugo. Trátase dos proxectos Lethes.TIC e Atrium.TIC.
A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico en funcións, Ana Prieto, enmarcou estas novas actuacións na responsabilidade do Concello e na súa obriga de facer todo o posible, con recursos propios ou, como neste caso, tratando de captar investimento doutras entidades, para paliar o desemprego no municipio.
O obradoiro de emprego LETHES.TIC, que conta cun orzamento de 324.896 euros, vai dirixido a 20 persoas, e terá dúas especialidades formativas: Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais e Produción fotográfica. Cada unha destas especialidades contará con 10 alumnos traballadores, que ao finalizar terán acceso a un certificado de profesionalidade de nivel tres.
Cunha duración de 9 meses, incidirá na implementación das TIC na difusión e promoción da rede museística do Concello de Lugo coa finalidade de dinamizar o patrimonio histórico da cidade de Lugo; fomentando a súa xestión mediante a aplicación das novas tecnoloxías, cun tratamento específico para favorecer a súa preservación de cara ao futuro e a mellorar a súa difusión e acceso por parte do conxunto da cidadanía.
En canto ao obradoiro ATRIUM.TIC, o Concello informou de que vai dirixido a menores de 30 anos e conta cun presuposto total de 173.553 euros. O obradoiro estará integrado por: 1 Director/a, 2 monitores/as e 16 alumnos/as, repartidos nas seguintes especialidades formativas: xestión documental e dixitalización de documentos. O proxecto executarase durante 6 meses, dende setembro de 2019 a marzo de 2020.
Este obradoiro inclúe a organización e informatización dos arquivos de oficina de distintos servizos municipais, así como dixitalizaación de expendientes ou actas.
Xuñ 06, 2019 - 08:03 PM
Dous Caudal Fest