O Concello pide á Xunta que non retire o servizo de axuda no fogar extraordinario

A concelleira de Benestar, Inclusión e Maiores, Olga López, tende a man a consellería de Política Social para que manteña a cobertura do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de carácter extraordinario que puxo en marcha para a atención das persoas maiores e dependentes que se viron afectadas pola situación do Estado de Alarma derivado da pandemia da COVID-19.

A Xunta informou xa que o servizo finalizaría o vindeiro 30 de novembro e que desde este mes non se poden dar máis altas, o “que supón deixar desprotexidas ás persoas especialmente vulnerables neste estado de emerxencia social e sanitaria”, sostivo.

Lamenta a edil que a decisión fose adoptada de maneira unilateral cando o servizo, aínda que de competencia da Xunta, está cofinanciado pola administración autonómica e os concellos. “Desde Benestar facemos un chamamento á colaboración e nós manteremos a aportación económica que viñamos prestando para este fin co obxectivo de que as consecuencias para as e os usuarios sexan as menores posibles”.

Olga López lembra que este SAF extraordinario é unha das medidas que formaban parte do plan social de continxencia para tratar de paliar as consecuencias que ten a actual situación, co fin de que poidan asignalas a aqueles casos que poidan ser considerados como máis urxentes polos servizos sociais municipais, entre eles os usuarios dos Centros de Día. “A situación de emerxencia social e sanitaria non só se mantén senón que as cifras en Lugo son peores que no primeiro Estado de Alarma, polo que cremos convinte seguir mantendo o servizo”, incidiu.

A este respecto, comenta que na actualidade, no Centro de Día Antonio Gandoy xa se deron tres casos positivos, e o Sergas xa puxo en marcha un plan de rastreo, pero aínda non sabemos se van pechar o centro ou non e a canta xente mandarán a corentena, pero temos que ter ferramentas para poder apoiar a esta xente desde un punto de vista asistencial, e por iso é importante o SAF extraordinario”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com