O voceiro do Goberno local de Lugo, Miguel Fernández, sinalou esta mañá que a Policía Nacional ten que “implicarse máis” para evitar as pelexas na cidade entre menores de idade, como a que circulou polas redes sociais nas últimas semanas. Segundo Fernández, deberían “adicar todos os axentes que sexan necesarios”, así como realizar “un seguemento permanente para que estas cousas non volvan ocorrer”.
Miguel Fernández solicitou ademais un seguemento “a través das redes”, xa que é por onde se soen convocar estas pelexas. Neste sentido advertiu da dificultade desta tarefa, xa que moitas veces a convocatoria das pelexas “soen cambiar de ubicación” durante a marcha.
O voceiro do Goberno local confesou que el mesmo foi testemuña hai un mes dunha xuntanza de menores que quedaran coa intención de pelexarse. Unha concentración que finalmente foi disolta grazas á intervención da Policía e que quedou en nada malia que os menores trataron de cambiar a ubicación da pelexa.