A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou esta mañá que o Concello xa puxo ao dispor de ADIF os terreos de titularidade municipal necesarios para executar o proxecto da nova estación intermodal lucense. Trátase de dúas parcelas, unha de 200,19 e outra de 464,60 metros cadrados, que se atopan nas inmediacións da actual estación de tren e que resultan imprescindibles para acometer a completa reurbanización da contorna que vai aparellada á construción desta nova infraestrutura.
“Con esta cesión reafirmamos o noso firme compromiso por este proxecto, polo que desde o Goberno local vense loitando con insistencia. A nova intermodal está chamada a transformar a nosa competitividade territorial ao conectar Lugo coa alta velocidade. A nosa disposición foi sempre, e seguirá sendo, de total colaboración co resto de administracións implicadas. Estamos convencidos de que a mellora das nosas comunicacións é un factor determinante para poder expandir o noso tecido produtivo e fixar poboación”, afirmou a rexedora.
Esta mañá a alcaldesa asistiu á primeira reunión da comisión de seguimento constituída para o desenvolvemento desta dotación, na que tamén participaron o interventor municipal e a responsable de servizo de Arquitectura así como técnicos de ADIF e da Xunta. Durante o encontro, entre outros asuntos, acordouse a creación posterior de varias subcomisións técnicas para coordinar o desenvolvemento das obras.
“A comisión serviu ademais para que as tres administracións puidésemos visualizar en conxunto o proxecto definitivo no que, estamos moi satisfeitos, tivéronse en conta as recomendacións e criterios trasladados polo Servizo de Arquitectura municipal en canto ao urbanismo sostible e de xénero, inspirados na estratexia Life, de maneira que alí onde foi posible utilizouse a madeira como elemento estrutural dándolle continuidade ao noso proxecto de cidade”, concluíu Alvarellos