A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu conta este venres dun novo proxecto posto en marcha polo Goberno Municipal que permitirá a recollida diferenciada e individualizada de plásticos agrícolas porta a porta nas instalacións agrarias do Concello. “Trátase dunha nova iniciativa que nace da decisión de poñer á persoa no centro da actividade municipal”, asegurou a rexedora, ao tempo que subliñaba o dobre obxectivo desta mellora, tanto para facilitarlle a vida aos veciños e veciñas como para eliminar un problema ambiental, como é a aparición de vertedoiros incontrolados.
Tal e como adiantou Méndez, o gandeiro ou produtor pode acceder a este novo servizo municipal de xeito gratuíto, mediante unha simple chamada telefónica a Urbaser ou ao Servizo de Atención Cidadá 010, onde solicitará a recollida dos plásticos agrícolas. Nun período máximo de 15 días, Urbaser procederá á recollida na porta dos residuos e xestionará a súa trazabilidade, asegurándolle ao produtor que realiza a racionalización dos residuos, unha garantía gratuíta e a efectos legais do que el realmente fixo, tal e como informou Martínez.
“O Concello de Lugo é un concello rural e este Goberno quere reivindicar o dereito de vivir no rural e do rural. Por iso, é unha obriga para nos favorecer que os veciños de Lugo que residen no rural, e que ademais aproveitan as moitas potencialidades do noso entorno, teñan as máximas facilidades para desenvolver a súa profesión”, destacou a Alcaldesa.