O Concello presenta o proxecto Aqua Urbi, que lidera Lugo, ao Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este xoves que “o Concello vén de solicitar fondos europeos do programa Interreg – POCTEP (Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal) co fin de investir máis de 610.000 euros no estudo, recuperación, posta en valor e difusión a través das TIC do patrimonio da cidade vinculado á enxeñería e á arquitectura da auga, a través dun proxecto denominado Aqua Urbi”.

Esta nova iniciativa do Goberno responde ao obxectivo de “seguir potenciando a actividade turística como motor económico da nosa cidade, aproveitando para elo a gran riqueza patrimonial, cultural, gastronómica e medioambiental coa que temos o privilexio de contar”, explicou a rexedora, quen destacou que a afluencia de visitantes a Lugo “medra ano tras ano: Un 9% só dende o 2010; e ata un 92% dende o 2000”, e “cara esa meta traballamos, sobre todo buscando a pernocta, que é o que verdadeiramente xera actividade económica e o punto no que sabemos que temos que centrar os esforzos”.

O Concello de Lugo lidera esta candidatura, á que se presenta con outras entidades asociadas: a Universidade de Santiago, o Concello de Ourense, as cámaras municipais de Braga e Valença do Minho e o Grupo Arqueolóxico Larouco –un colectivo que realizou importantes traballos no xacemento romano de Aquis Querquennis, en Bande, Ourense-.

Deste xeito, seis entidades públicas “sumamos esforzos e creamos sinerxias para poñer en valor o noso patrimonio, dinamizar o turismo e crear emprego. Esta, por certo, é a filosofía do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, en cuxo Comité Executivo participei este pasado martes, unha reunión na que precisamente abordamos a importancia e as oportunidades que ofrecen os fondos europeos para impulsar o crecemento socioeconómico e a cohesión territorial de Galicia e o norte de Portugal, dúas rexións con problemáticas comúns que debemos artellar solucións conxuntas”, asegurou a Alcaldesa.

Liñas de actuación 

O proxecto Aqua Urbi contempla catro eixes de actuación:

A elaboración dun estudo en colaboración coa USC sobre os usos históricos e o patrimonio da cidade vinculado coa auga.

A conservación e posta en valor de todo este patrimonio histórico e arqueolóxico.

A difusión do patrimonio vinculado á auga a través da edición de material divulgativo, visitas guiadas e xornadas de sensibilización, pero sobre todo a través do deseño de ferramentas TIC que faciliten un acceso aos contidos máis dinámico e rápido coa utilización de recursos visuais e interactivos.

Paralelamente a todo isto, organizaranse obradoiros formativos que doten a persoas desempregadas dos coñecementos e competencias técnicos necesarios para a dixitalización e recuperación do patrimonio co obxectivo de facilitar a súa inserción  laboral.

Deste xeito, “ademais de poñer en valor e difundir o patrimonio para que cada vez máis persoas veñan a Lugo e repitan; crearemos emprego no eido cultural, e acadaremos valor engadido para o sector turístico”, indicou a rexedora.

Financiamento

O orzamento solicitado para executar este proxecto de colaboración a seis bandas ascende a un total de 1,7 millóns de euros, dos que 610.000 estarían destinados á cidade de Lugo: o 75% (458.000€) achegados por Europa, e o 25% restante (152.600€), polo Concello.

A USC contará con 298.921€; o Concello de Ourense, con 239.153€; a cámara municipal de Braga, 329.457€ e a de Valença do Minho, 146.219€; e o Grupo Arqueolóxico Larouco, con 84.254€.

Os prazos

Lara Méndez explicou que o Concello vén de presentar o proxecto Aqua Urbi para captar fondos Interreg, e que o prazo de resolución da convocatoria conclúe en tres meses, polo se coñecerá a decisión sobre o mes de abril.

O prazo de execución do programa é de 3 anos, e de acadalo, as actuacións arrancarán no último trimestre deste 2016. A achega para esta primeira anualidade sería de 80.000€, dos que o Concello aportará 20.000 e Europa os 60.000 restantes.

“Os obxectivos e accións de todas estas iniciativas debuxan o modelo de cidade que queremos para Lugo e que xa estamos a construír: unha cidade verde, acolledora, que combina historia con modernidade, que inviste nas persoas, na creación de emprego, nos servizos sociais e que aproveita a súa riqueza patrimonial, cultural, gastronómica e medioambiental para potenciar o turismo”, destacou a Alcaldesa.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com