A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este martes o Catálogo GUD Lugo de solucións de deseño urbano sostible. Fíxoo acompañada do concelleiro de Sustentabilidade Urbana, Álvaro Santos, e do enxeñeiro, Jesús Ángel Martínez, un dos autores deste pioneiro documento. “Trátase do primeiro catálogo de medidas urbanísticas para a adaptación ao cambio climático que inclúe fórmulas para calcular a melloría que suporía a súa aplicación en termos de emisións contaminantes, consumo enerxético ou captación de CO2, polo que será un referente non só en España senón tamén no ámbito europeo” explicou a rexedora.
Neste senso, Lara Méndez indicou que “o documento recolle innovadoras solucións sostibles a diferentes escalas de intervención urbana, que serán exportables a outras cidades de tamaño medio. En efecto, Europa está a valorar moi positivamente o traballo que estamos a desenvolver en Lugo a través de distintas accións como o Impulso Verde, primeiro edificio público pasivo que se constrúe con madeira 100% procedente de Galicia, o fomento da biodiversidade dos nosos bosques a través das plantación dun novo pulmón verde de 14 hectáreas entre As Gándaras e o Ceao, ou a creación do primeiro barrio Multiecolóxico de España; pois considera que son exemplos xa transferibles a outras cidades da UE”.
O catálogo enmárcase no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, cofinanciado ao 80% pola Unión Europea, a través do FEDER. A denominación “GUD Lugo”, procede da conxunción dos termos ingleses e a súa pronuncia: wood (madeira) e good (bo), dado que paralelamente o executivo municipal está a impulsar, no marco deste proxecto, un novo modelo produtivo baseado na madeira local, sendo o forestal un sector estratéxico en Galicia.
Na elaboración deste proxecto participou un equipo multidiscilpinar composto por especialistas nas diferentes temáticas de urbanismo que aborda o catálogo. Constitúe, así mesmo, un instrumento clave que se aliña directamente cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, así como o conxunto das axendas urbanas desenvolvidas nos últimos anos: desde Hábitat 111 ata o Pacto de Ámsterdam e o Eixo Atlántico. O documento está editado en galego, castelán e inglés, posto que a súa finalidade é converterse en referente en Galicia, España e a Unión Europea.