O Concello presentará o Arde Lucus en Lalín

A Feira do Cocido, en Lugo, e o Arde Lucus, en Lalín. Non é un xogo de palabras nin unha confusión. O Concello de Lalín quixo presentar a súa XLVIII Feira do Cocido, cita gastronómica típica do Entroido, na capital lucense. E a alcaldesa, á súa vez, anunciou que responderá a esta visita dando a coñecer a próxima edición do Arde Lucus na capital do Deza para atraer máis visitantes.

A rexedora, Lara Méndez e o alcalde lalinense, Rafael Cuíña, deron a coñecer os detalles do evento gastronómico, que se celebrará o 31 deste mes. No acto Méndez destacou a importancia da colaboración entre institucións para promover os recursos de ambas localidades. “Hoxe nace unha relación fructífera entre dúas institucións, entre dúas cidades de interior que a pesar de situarse a 100 quilómetros de distancia, teñen un denominador común importante que temos que poñer en valor, a oferta turística e o noso patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e neste caso gastronómico”, subliñou a alcaldesa, quen reivindicou o potencial do sector turístico nos dous Concellos para impulsar o seu desenvolvemento.

Ademais, a rexedora amosoulle o apoio do Concello de Lugo ao de Lalín na súa candidatura para que a Feira do Cocido, Festa de Interese Turístico Nacional dende o 2010, reciba este recoñecemento a nivel internacional, ao tempo que destacou a importancia deste certame gastronómico, que reúne a máis de 50.000 persoas ano tras ano para degustar un prato tan popular.

Pola súa banda Cuíña, quen tamén fixo fincapé na colaboración institucional para potenciar eventos de cada un dos Concellos, agradeceu a receptividade de Lugo, “unha referencia gastronómica para o resto de Galicia”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com