Lugo promociona a súa gastronomía no acto inaugural de FITUR

Onte deu comezo a Feira Internacional de Turismo, FITUR, que conta con máis de 220.000 visitantes e 165 países e rexións de todo o mundo, unha cita imprescindible para proxectar a imaxe de Lugo no exterior de Galicia e o Estado.

Na xornada inaugural de FITUR, o Concello uniu esforzos coa Asociación Provincial de Empresarios de Turismo de Lugo (APEHL), para facer ver os atractivos e recursos turístico gastronómicos de Lugo neste escaparate promocional de primeira orde. A Alcaldesa, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participaron xunto ao presidente da APEHL, Cheché Real, o delegado da Área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal, e a delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, na presentación dunha nova edición da guía …E para comer, Lugo, que tivo lugar no stand de Galicia en FITUR.

A Asociación de Empresarios de Hostalería presentou o noveno volume desta colección de guías turísticas, o cal, tras a proclamación de 2016 como Ano Xubilar da Misericordia, o colectivo decidiu dedicar aos Camiños de Santiago que atravesan a provincia de Lugo. Baixo o título Lugo-Santiago, o anuario está integrado por 132 páxinas, das cales 69 se distribúen en cinco apartados. Os tres primeiros coinciden coas tres rutas xacobeas oficiais, que contan coa categoría de Patrimonio da Humanidade: Camiño Francés, que ten entrada polo poboado prerromano do Cebreiro; Camiño Primitivo, que inicia o seu tramo galego no municipio da Fonsagrada, e Camiño Norte ou Ruta da Costa, que entra pola Mariña Oriental. O cuarto apartado describe o Camiño Sur ou de Inverno, que atravesa a Ribeira Sacra, e o quinto presenta outros dous traxectos menos coñecidos pero igualmente atractivos: o Camiño Norte Interior, que transcorre pola comarca de Meira, e o Camiño do Mar, que transita pola Mariña lucense. “En total, a provincia de Lugo alcanza os 800 quilómetros de Camiños”, subliñou Real.

Ademais de á presentación da novena guía …E Para comer, Lugo, a Alcaldesa e a Concelleira de Cultura participaron na  Volta Ciclista a España 2016, da que Lugo será final de etapa o 24 de agosto tras 170 quilómetros de percorrido. A  Volta Ciclista, que arrancará o 20 de agosto en Ourense e que regresa a Lugo despois de 10 anos, move a máis de 20.000 espectadores de media por etapa, concentrándose unhas 3.800 persoas na cidade de chegada, “unha oportunidade que non podemos deixar escapar para promover o noso patrimonio histórico e cultural”, afirmou a rexedora, quen fixo fincapé na labor de promoción dos medios de comunicación, que mostrarán a cidade de Lugo a uns 190 países dos cinco continentes.

Hoxe terá lugar no stand de Galicia a presentación da campaña turística do Concello Unha viaxe no tempo: Pasado, presente e futuro. Ven; é Lugo, que rende homenaxe aos tres Patrimonios da Humanidade cos que conta a cidade: a Muralla, a Catedral e o Camiño de Santiago. Darase a coñecer un vídeo promocional do Camiño ao seu paso por Lugo, protagonizado por un peregrino que decide realizar unha viaxe bimilenaria pola cidade.

En FITUR o Concello distribuirá máis de 6.300 folletos promocionais de Lugo, así como guías, planos, marcapáxinas ou lapis.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com