O Concello realizará unha campaña de sensibilización entre os menores de idade para evitar as pelexas na rúa que se veñen rexistrando nas últimas semanas. Anunciouno esta mañá a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que subliñou que o Goberno local “non é alleo a un problema que se da na nosa cidade”, polo que cómpre concienciar aos máis novos de que este tipo de prácticas “non son boas para a sociedade”.
A rexedora lembrou que a competencia para disolver este tipo de concentracións é da Policía Nacional aínda que o Concello quere aportar o seu “grao de area” con esta campaña de concienciación e sensibilización. Con todo, Méndez tamén lembrou que os axentes da Policía Local xa fan reforzos na vixilancia na contorna da Muralla, reforzos que “se seguirán a realizar”.
Con esta medida, Lara Méndez agarda que a pelexa que circulou nas últimas semanas entre menores de idade na contorna da Muralla quede como “un feito illado” e como “unha anédcota do pasado”.