O Concello recibe 16 solicitudes de aluguer para os locais comerciais da Tinería

O Concello de Lugo recibiu a través do Rexistro Xeral municipal 16 solicitudes para o aluguer dos locais comerciais da Tinería que puxo a disposición de emprendedores e empresariado da cidade co fin de dinamizar social e economicamente o barrio de maneira eficaz e  controlada, a través dun viveiro de empresas a pé de rúa xestionado polo CEI Nodus.  Ademais de no Rexistro do Concello, as peticións podían remitirse ata o 31 de xullo a través doutros rexistros, polo que cabe a posibilidade de que entren máis. O tipo de negocio das solicitudes presentadas é moi diverso, dende o comercio, formación ou deporte, a artesanía ou turismo.

Unha vez pechado o prazo de presentación de solicitudes, os técnicos municipais procederán de inmediato a revisar a documentación achegada para, no caso de conter  erros, subsanalos, e logo, á volta do verán, reunirase o comité técnico de valoración, composto por seis persoas: 3 vogais nomeados polo Concello (un técnico de Urbanismo e dous do CEI Nodus); 1 vogal nomeado pola Federación Galega de Comercio; 1 vogal nomeado pola CEL e a Secretaría (secretario ou vicesecretaria do Concello).

O procedemento de adxudicación será por concorrencia competitiva, en base a criterios de valoración cuantitativos e cualitativos. Os cualitativos son en función do tipo de empresas:

– Empresas de mercado: empresario individual, sociedade anónima e sociedade limitada: 2 puntos.

– Empresas de economía social: sociedade cooperativa, sociedade limitada laboral, fundacións e asociacións con fins comerciais: 4 puntos.

– Proxectos empresariais que procedan de viveiros de empresas, coworkings, etc.: 1 punto, que poderá acumularse aos anteriores.

Os cuantitativos puntuaranse cun máximo 5 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

– Adecuación da actividade proposta ás características do local: ata 2 puntos.

– Dinamización comercial e xeración de afluencia de público ao barrio: ata 3 puntos.

A cesión será en réxime de aluguer por un período de catro anos (contados dende a resolución definitiva e a entrega das chaves), e a renda será do 20% do que lle custa ao Concello o arrendamento dos locais ao IGVS. Deste xeito, a entidade local achega o 80% restante. Os importes oscilan entre os 10€ ao mes do inmoble con menor superficie aos 72€ do máis grande (IVE incluído). Toda a información sobre esta convocatoria está dispoñible na páxina web do Concello: www.lugo.gal

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com