Lugo será o epicentro da Volta Ciclista a España o vindeiro mércores, 24 de agosto, durante 16 quilómetros. A cidade acollerá o paso do pelotón ciclista aproximadamente arredor das 17:00 horas, dependendo da velocidade da carreira, como remate da 5ª etapa da 71ª edición deste evento deportivo, estando instalada a meta á altura da Porta de San Fernando. Por este motivo, o Concello restrutura o tráfico co obxectivo de garantir unha perfecta organización e o éxito da Volta ao seu paso por Lugo, e para ofrecer a mellor das vistas da cidade a 370 millóns de espectadores duns 190 países de todo o mundo, evitando ao mesmo tempo maiores molestias aos veciños e visitantes e á actividade económica luguesa.
Deste xeito, dende aproximadamente as 22:00 horas do día 23 de agosto e ata que finalicen os actos do 24 de agosto, vanse realizar cortes totais ou parciais en distintas rúas da cidade, principalmente na Ronda da Muralla e as súas adxacentes. Facilitarase na medida do posible e a xuízo da Policía Local o acceso de vehículos residentes ou comerciais.
O recorrido da Volta, que afecta a vías de titularidade municipal é o seguinte:
O pelotón ciclista accederá á Ronda Norte cara a rúa Hortensia, praza de Garabolos, N-VI (dirección Madrid), glorieta Vítimas do Terrorismo, Paseo do Rato, rúa San Eufrasio, praza Conde Fontao, rúa Castelao, Ronda Muralla (en sentido contrario ao habitual), praza da Constitución, rúa Anxo López Pérez, praza Xaquín Lorenzo, rúa Vilalba e Ronda Muralla ata zona de meta, á altura da Porta de San Fernando.
Prohibirase o estacionamento en:
Rúa Castelao, dende rúa Escalinata da Estación cara a Ronda Muralla
Rúa Villalba
Rúa Anxo López Pérez.
Ronda Muralla (todo o perímetro)
Avenida da Coruña, dende Ronda Muralla cara a rúa Irmáns Carro
Rúa Concepción Arenal
Rúa Anduriñas
Rúa Camiño Real, dende rúa Concepción Arenal cara a Ronda Muralla
Rúa Ourense, dende Ronda Muralla cara a rúa Betanzos.
Rúa Mondoñedo
Rúa Pontevedra
Carril bus-taxi interior muralla (todo)
Praza de Ferrol (todo o perímetro)
En dita zonas, prohibirase o estacionamento mediante sinalización circunstancial, dende as 16:00 horas do día 23 de agosto de 2016. Ditos carteis colocaranse o luns a partir das 08:00 horas, procedendo a levantar acta.
Ademais, os servizos de transporte público urbano veranse afectados debido aos cortes de tráfico producidos nas vías polas que discorre a Volta.