O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que a partir do vindeiro luns se reforzará a conexión do centro da cidade co Ceao, engadindo un bus máis que realizará o mesmo percorrido que a actual liña 9. Segundo indicou Rubén Arroxo, “debido á gran demanda que está a ter esta liña e ás restricións que puxemos en marcha debido á crise do COVID-19, reforzarase cun novo bus a liña 9”.
A área de Mobilidade anulará temporalmente a liña 12, que conecta o centro da cidade co campus universitario. Segundo indicou Rubén Arroxo, “a liña 14 é unha das menos utilizadas actualmente, e as persoas usuarias desta poden reubicarse, temporalmente, nas liñas 1, 1A e 7”.
O percorrido do reforzo comezará ás 07:30 na praza do Rei, e a última saída terá lugar ás 22:00 na Terminal de Mercadorías do Ceao, rematando a liña na parada de Obras Públicas. Da praza do Rei contunuará por San Roque, parando á hora e 40 minutos en Sindicatos. Continuará pola ronda da Muralla e a avenida da Coruña cara os Craveis, parando na avenida Benigno Rivera e nas Termas. Continuará pola avenida da Industria para parar á hora en punto na terminal de Transportes. Continuará polas rúas Transportes, Industria, Canteiros e Artesáns para volver á avenida Benigno Rivera e Craveis, onde volverá á avenida da Coruña e á ronda da Muralla, parando á hora e 20 en Obras Públicas. Seguirá pola rúa Vilalba e Ramón ferreiro para rematar o percorrido á hora e 30 minutos na praza do Rei.