24 anos despois, o executivo de Lara Méndez conseguiu poñer fin ao conflito que o Concello de Lugo mantiña cos propietarios dos terreos que quedaron sen liquidar trala reparcelación da rúa Alfredo Brañas.
O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto entrevistábase hoxe cos afectados para asinar o pago da indemnización por unha problemática urbanística herdada do ano 95.
“En 1994 – lembraba o edil – o Pleno do Concello de Lugo aprobaba definitivamente o proxecto de expropiación para a urbanización da rúa Alfredo Brañas. Pero foi un ano máis tarde cando a Corporación que rexía nese momento acordou excluír do expediente, a instancias dos titulares, varias parcelas sobre as que se levantaron actas de cesión a favor da administración local, reservándolles, a cambio, o aproveitamento urbanístico na futura reparcelación da vía”.
Segundo lembraba Couto, en 2012, ao entrar en vigor o actual Plan Xeral de Ordenación Municipal, os soares pasaron a clasificarse como Sistema Xeral Viario en Solo Urbano “imposibilitando así que os seus donos puidesen exercitar os dereitos urbanísticos acordados nas actas de cesión”.
“Os afectados solicitaron entonces a reanudación do expediente de expropiación forzosa, petición que foi desestimada polo Concello ao entender que esta medida era improcedente e que a única compensación posible podía chegar mediante a indemnización dos danos pola vía da responsabilidade contractual“, explicou o edil quen puxo en relevancia tamén que en 2016 se iniciou o procedemento administrativo ao que hoxe poñían fin.
“Un acordo transcendental – valoraba o concelleiro – non só para os demandantes, aos que logo de dúas décadas de espera era de xustiza compensar, senón tamén para a institución municipal que, deste xeito, zanxa un proceso prolongado en exceso ata converterse no exemplo do que nunca se debe demorar un trámite burocrático”.
No encontro desta mañá, o responsable de Urbanismo Sostible asinaba o pago dunha indemnización fixada por sentenza xudicial de 135.214’04 para estes veciños. Esta é a segunda reclamación patrimonial que o goberno de Lara Méndez resolve durante o seu mandato como alcaldesa de Lugo, logo de abonar, en 2016, as contías correspondentes ás expropiacións no barrio do Carme.