A Torre do Reloxo da Casa Consistorial será restaurada nos vindeiros días.
Os traballos, que comezaban hoxe coa descarga das estadas que facilitarán os labores de rehabilitación, se estenderán durante varias xornadas cando se acometa a limpeza e repintado da pedra.
As tarefas, enmarcadas dentro do contrato de mantemento e conservación das dependencias municipias, foron encomendadas pola Alcaldía co obxecto de acondicionar a Torre para que loza acorde á catalogación do Pazo de Ombreiro, considerado Ben de Interese Cultural.
A rexedora de Lugo, Lara Méndez, supervisou esta mañá a colocación dos andamios que darán soporte ás obras de mellora que consistirán nun lavado con auga a presión e no pintado da estrutura en cor branca. Mentres que o propio mecanismo do reloxo foi paralizado á espera da reposición de varias pezas, xa encargadas, que deixaron de funcionar debido ao seu desgaste.
Os materiais foron izados polo aire até o tellado cunha pluma de grandes dimensións, situada no lateral do Concello, debido á imposibilidade de cargalos manualmente polo interior. As manobras, que comezaban a primera hora de mañá remataron contra o mediodía, mentres que a montaxe e o inicio da intervención foi programada para o luns.
“Trátase dunha actuación sinxela, moi demandada pola cidadanía, coa que pretendemos mellorar a estética da edificación, no seu conxunto, pero tamén a do Casco Histórico, tendo en conta a singularidade do inmoble e o seu valor arquitectónico pero tamén o emprazamento tan emblemático no que se ubica”, sinalou a alcaldesa.
A creación da Torre do Reloxo obedece á decisión adoptada en 1865, cando na primeira sesión plenaria do ano a Corporación local considerou “imprescindible” incorporar este elemento á construción – ampliada tres anos antes – que representaba ao poder civil dunha capital de provincia. Entre o argumentario apuntábase á súa necesidade “ben porque o reloxo da Catedral andaba case sempre adiantado, ben porque seguindo aos pobos dalgunha importancia, Lugo non podía prescindir desta mellora sen rebaixarse da consideración que merece”, segundo recollía a propia acta.