O concelleiro de Medio Ambiente supervisaba esta mañá o inicio das obras de reposición do firme no tramo de Río Landro afectado por unha fuga de auga o pasado venres, día 11 de outubro, toda vez que se resolveu o proceso de contratación da actuación de forma urxente.
Álvaro Santos explicou que a rotura dunha tubaxe da rede de abastecemento ocasionou diversos danos tanto no pavimento como noutras infraestruturas e obrigou a cortar a subministración dende as 12 da mañá e ata as 12 da noite. “Aínda que a Brigada de Augas conseguiu solucionar a incidencia na mesma xornada, resulta prioritario proceder agora á execución das obras que permitan restablecer o tránsito peonil e aos accesos ás propiedades privadas”.
O edil de Medio Ambiente referiu que a zona máis afectada atópase na beirarrúa, a altura do número 28 desta vía. “Sen embargo, os técnicos municipais determinaron que coa presión da auga prodúxose a erosión de alomenos unha parte do firme da estrada sendo preciso, primeiramente, retirar entullo, xabre e area para avaliar a actuación que cómpre desenvolver a continuación”.
Para a execución das tarefas, Álvaro Santos, indica que será preciso ocupar o espazo anteriormente sinalado e parte da calzada destinada a estacionamentos, polo que se limitarán as prazas de aparcamento existentes neste punto para dar paso alternativo aos viandantes por elas.
Do mesmo xeito, o concelleiro de Medio Ambiente anuncia que, seguindo o Plan de Tráfico e Seguridade deseñado polo servizo de Enxeñería, procederase a pechar a zona cun valado provisional que será debidamente sinalizado. A ocupación manterase durante 20 días, mentres se desenvolven os traballos.