O Concello reparte máis de 8.200 menús no fogar no primeiro semestre do ano

O servizo que ofrece o Concello de Lugo de comida a domicilio a persoas maiores, o denominado Xantar no Fogar, repartiu máis de 8.200 menús no primeiro semestre do ano. Trátase dun programa completementario da prestación de servizo de axuda no fogar, que persegue dar resposta ás necesidades prestadas especialmente pola poboación maior do municipio, procurando a permanecia das persoas no seu contorno familiar en condicións dignas.

Os meses que máis menús se repartiron foron os de maio e xuño, con 1.714 e 1.636, respectivamente. “No 2009 o número medio de usuarios ao mes do Xantar no Fogar era de 39,5, incrementándose nun 28%, ata as 55 persoas, no 2015. O pasado ano repartíronse máis de 14.400 menús”, afirmou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira.

Actualmente son 61 as persoas que se benefician deste servizo municipal que ofrece comida preparada a domicilio, 2 días á semana, durante os 365 días do ano. “O 51% dos usuarios son mulleres, maiores de 65 anos”, destacou a Concelleira. Este programa, que pode ofrecer tanto unha como as tres comidas a domicilio, ten un custe para os usuarios dende os 0 euros aos 4,71 por menú, segundo a renda do beneficiario. A día de hoxe son 9 as persoas exentas de pago; 19 as que pagan 1,03 euros; 21 os que aboan 2,06; 9 pagan 3,09 euros; unha paga 4,12; e 2 aboan 4,71 euros.

A edil destacou que “con este servizo, o Concello pretende proporcionar unha alimentación equilibrada aos usuarios e favorecer a prevención de posibles transtornos de saúde derivados da insuficiente alimentación ou dunha dieta pouco adecuada, así como previr accidentes domésticos durante a preparación da comida”. Neste senso, a Concelleira lembrou o sistema de producción en cadea da comida, que garantiza a seguridade alimentaria e a súa conservación, a través dun proceso de abatemento en frío e dunha distribución en furgóns isotérmicos.

No que vai de ano o Concello atendeu a máis de 350 usuarios dentro do Servizo de Atención no Fogar. Este programa persegue mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, ao tempo que posibilita a permanencia no seu contorno de vivencia habitual e favorece a súa autonomía no propio domicilio. Previr situacións de dependencia ou exclusión social é outros dos obxectivos que persegue este servizo. O 85% dos usuarios deste servizo é maior de 70 anos, o 46,5% viven sós e o 50% teñen dificultades de desprazamento.

A edil indicou que coa continuidade deste servizo, “o Concello de Lugo dá cobertura á poboación máis vulnerable e que máis o necesita, como son os nosos maiores, que representan o 20% da poboación do noso municipio”. Neste senso, González Abelleira lembrou que o orzamento para ambos os servizos neste 2015 é de máis de 2,3 millóns de euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com