O Concello responde ao PP: “como xa explicamos, o Impulso Verde contará cunha parte administrativa, un espazo de reunións e unha área de coworking”

O tenente de alcaldesa e voceiro municipal do Concello de Lugo, Miguel Fernández, reiterou hoxe os usos que terá o edificio Impulso Verde, tralas denuncias do Partido Popular, que “como xa explicamos en moitas ocasións, demos conta nas Comisións de Pleno e tamén publicamente en numerosas notas informativas”.

Así, a construción, o primeiro edificio público construído na súa totalidade con madeira lucense e cuxa eficiencia enerxética será do 75%, terá unha parte expositiva do modelo de cidade e do que representa o inmoble en todos os ámbitos da sostibilidade así como do resto das iniciativas activadas no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico. “Unha estratexia na que resulta clave a educación e a concienciación cidadá para avanzar na configuración das cidades máis fortalecidas ante o cambio climático”.

“O certo é que Europa valorou especialmente deste edificio – que xa é un referente en Galicia, en España e tamén a nivel internacional – e de todas as accións do LIFE de Lugo que sexan proxectos replicables noutras cidades de tamaño medio, así como a súa capacidade para trasladar coñecemento e, de feito, o edificio, aínda sen rematar, ten xa unha “axenda propia” de visitas de colectivos profesionais, institutos, axencias, institucións, universidades, outras administracións, etc, que están solicitando o seu coñecemento ‘in situ’. Por iso resulta tan importante esta zona expositiva”, sostivo o edil.

Pero, ademais, o Impulso Verde, “contará cunha parte administrativa, un espazo de reunións e unha área de coworking de empresas vinculadas coa bioeconomía e a economía circular – aclarou o concelleiro – consonantes coa transformación do municipio e, polo tanto, cunha gran proxección económica”.

De feito, Fernández instou ao PP a “recuperar a coherencia”, tendo en conta que “a propia Xunta vén agora a sumarse xa oficialmente á aposta liderada polo Concello de Lugo de potenciar o uso da madeira como elemento construtivo e sostible nas novas edificacións, que dende hai seis anos defende a alcaldesa, Lara Méndez, para basear a industrialización dos territorios aproveitando as súas potencialidades, como no noso caso é o uso da madeira, tanto dende un punto de vista económico – por ser a nosa provincia a principal produtora forestal de toda a comunidade – e tamén polos resultados que a súa aplicación está a ter na loita contra a emerxencia climática”.

E, a propósito da súa ubicación, o portavoz do Goberno local lembrou que “foi avalada polo criterios dos técnicos municipais, conforme se trata dunha zona en expansión, xerme do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España e, por tanto, o seu deseño non obedece a ningún tipo de improvisación senón a un modelo de cidade de futuro que, actualmente, é recoñecido a nivel nacional e internacional, por moito que lles pese”, rematou o edil quen tamén considerou que se hai un exemplo evidente de despilfarro e malgasto de fondos públicos este non é outro que a Cidade de Cultura”.

A construción do Impulso Verde está na súa fase final mentres fican pendentes de iniciar as obras de urbanización da parcela que ocupa, xa licitadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com