O Concello de Lugo está a piques de comezar os traballos de restauración da sepultura de Xoán Montes. A edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, explicou que “a sepultura, situada na unidade de enterramento número 329 do Cemiterio Municipal, atópase nun estado de deterioro moi avanzado, polo que fan precisos os traballos de restauración para evitar que estes danos sexan irreversibles”.
A sepultura está a pasar por un proceso de restauración e limpeza por parte dun equipo especializado, que eliminará a suciedade das pezas, mantendo as marcas de envellecemento propias da sepultura, e na vindeira semana comezarán os traballos no lugar da sepultura no Cemiterio Municipal. A edil lembrou que “para poder realizar este traballo, tivemos que iniciar un procedemento de declaración de ruina desta unidade de enterramento, e retornala á titularidade pública”.