Durante o día de hoxe levouse a cabo un operativo especial de limpeza na Praza de Abastos, que finalizou coa extracción de máis de 450 Kg de resíduos como cascas, restos de peixe, envoltorios, mallas, plásticos ou etiquetas das arquetas ubicadas no soto. Dende o Concello fixose un chamamento aos distintos praceiros e ás asociacións que din representar os negocios da Praza e do Mercado “para usar as instalacións de xeito responsable, garantindo o benestar tanto dos usuarios como dos negocios que se ubican aquí”.
A edil de Participación, Cristina López, lembrou que os desaugues non deben ser usados como depósito de desfeitos. O Goberno de Lugo puxo en marcha o pasado 24 de maio un servizo de recollida de resíduos para os resíduos orgánicos, con contedores refrixerados que impide o desprendemento de malos olores e unha xestión responsable e eficaz da reciclaxe. Ademais, a instalación conta con contedores suficientes para a reciclaxe de envoltorios, elementos plásticos e outros resíduos.
O novo sistema de recollida de resíduos de carnicería e peixería permite realizar unha mellor xestión dos resíduos específicos destes sectores e avanzar no bo tratamento dos restos que se xeran nestas instalacións.