O Concello de Lugo retomará este mércores a adxudicación da cafetería do Vello Cárcere autorizando, novamente, o anuncio da licitación nos termos da última convocatoria publicada.
Así manterá nos 100 euros mensuais (1.200 € ao ano) o canon mínimo para a explotación do local coa vontade de que a concesión, que terá unha duración inicial de dez anos, prorrogable por outros cinco, resulte atractiva.
A Concelleira de Sostibilidade Urbana e Recursos Internos, Paula Alvarellos sinalou que “vimos de detectar certo interese empresarial por asumir a xestión do establecemento, nas mesmas condicións xa ofertadas pola Administración local, de xeito que optamos por non varialas nin incrementar o prezo para favorecer a presentación de candidaturas, sendo sabedores, ademais, de que a súa posta en marcha esixirá dun esforzo inversor para acometer a instalación de todo o mobiliario e completar o seu equipamento“.
A concelleira indicou, así mesmo, que, para escoller a oferta máis vantaxosa, o Concello terá en conta aquela que supoña un maior valor engadido para a cidade, tomando como aspectos moi importantes da mesma a calidade das melloras e do embelecemento que se vaia realizar na cafetería, a estética máis axeitada para o local así como a proposta máis innovadora. “As e os interesados, deberán presentar por tanto unha memoria na que relaten a forma prevista de organización e de funcionamento da actividade de hostalaría / restauración a desenvolver, así como unha descrición detallada e a valoración dos medios materiais e do gasto que teñen previsto efectuar”, abondou.