A Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente, que dirixe Luis Álvarez, comunicou que o vindeiro luns, día 23 de marzo, terá lugar a xuntanza solicitada polo Concello de Lugo á Confederación Hidrográfica Miño-Sil coa que se pretende desbloquear a aprobación da totalidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
A xuntanza terá lugar na sede da Confederación Hidrográfica, en Ourense, e nela participarán o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, xunto con técnicos municipais, así como representantes dos grupos políticos da oposición e o Concello tamén solicitará a presenza nela de representantes da Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
Esta reunión coa Confederación Hidrográfica foi solicitada polo Concello de Lugo logo da xuntanza coa Xunta de Galicia na que a propia Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, recoñeceu que a delimitación de cauces, que se lle esixe ao Concello de Lugo para darlle a aprobación definitiva ao 5% pendente do Plan Xeral de Ordenación Municipal é unha imposición, porque non se trata dunha competencia municipal.
Así as cousas e tal e como avanzou o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, para desbloquear definitivamente a parte do PXOM pendente de aprobación, será necesario resolver a incertidume xurídica que provocaría o feito de que o Concello asumira facer a delimitación de cauces para axilizar a aprobación do documento urbanístico.