A Xunta de Goberno acordou este mércores iniciar o proceso de contratación dun servizo de mantemento dos equipos informáticos do Concello. Terá unha duración de dous anos, prorrogables por outro ano, e o orzamento é de 56.000 euros ao ano.
Segundo informou o voceiro municipal, Miguel Fernández, a adxudicataria ocuparase do mantemento de ordenadores e software, recambio de pezas, substitución de ordenadores mentres se reparan, inventariado dos equipos, revisión cada 6 meses e informe mensual de asistencia técnica, entre outras cuestións.
Na sesión de hoxe, tamén se acordou a prórroga e actualización da renda de dous contratos de aluguer de vivendas adquiridas ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello para levar a cabo o Programa de Erradicación do Chabolismo, a través do que se compraron 15 vivendas. A prórroga dos dous contratos que aprobamos hoxe é por 3 anos, contados dende o 1 de xullo. As vivendas están en Serra de Outes e Santo Grial.
Así mesmo, tamén se aprobou a nova composición de dúas mesas de contratación, un trámite necesario despois da decisión do Goberno de que estes órganos estean só formados por técnicos. As mesas de contratación cuxos membros foron designados hoxe son as correspondentes ao servizo público de transporte regular de viaxeiros e a de subministro dun vehículo todoterreo para Protección Civil.
A Xunta de Goberno deu luz verde ao acordo de colaboración entre a Asociación Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello para desenvolver o programa Cultura no Camiño; aprobación condicionada á sinatura dunha addenda de garantía de pago por parte da Xunta, tal e como establece a lexislación vixente. AGADIC achega 3.500 euros e o Concello, 9.000, para desenvolver esta programación, que inclúe 6 actuacións musicais no casco urbano e na zona rural ata primeiros de setembro.
As actuacións son as seguintes: Orquestra Os Modernos nas proximidades da capela San Bartolomeu do Burgo e Cé Orquestra Pantasma no barrio da Ponte, o domingo, 16 de agosto; Comisa Bal nas proximidades da aula da natureza do Veral o domingo, 30 de agosto e Festicultores Troupe no recinto histórico de Lugo o venres, 4 de setembro. O pasado 16 de xullo actuou na Praza de Augas Férreas, David Regueiro Swingtet.