O Concello saca a licitación en dous lotes a iluminación ornamental en varias rúas da cidade durante as festas de San Froilán e Nadal por un importe de case 72.000 euros, tal e como informou este xoves a Concelleira de Cultura e Turismo, Carmen Basadre, quen detallou que “o obxecto é a subministración mediante aluguer e a instalacións deste alumeado para celebrar estes festexos”.
O primeiro lote, corresponde coa iluminación para as festas do San Froilán, terá unha duración dende o 30 de setembro ata o 12 de outubro no recinto feiral e do 4 ao 12 de outubro para o resto da cidade. O importe deste lote ascende a 30.148 euros. No caso do segundo lote, trátase do alumeado ornamental durante o Nadal, que se instalará dende o 2 de decembro de 2016 ata o 6 de xaneiro de 2017, por un importe total de 41.575 euros.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas dende hoxe, tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e durante o prazo de 15 días. O anuncio de licitación pode consultarse no BOP, así como no perfil do contratante do Concello a través páxina web www.lugo.gal.