O Concello tenta reducir o risco de atropelo ao repintar uns 130 pasos de peóns

O Concello levou a cabo o repintado duns 130 de peóns en máis de medio cento de rúas da cidade, tal e como a anunciara a rexedora a finais de setembro. O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisou o estado destas tarefas de repaso, que se acometeron integramente en xornada de noite co fin de minimizar as molestias tanto aos peóns como ao tráfico. Quedan pendentes estes traballos en 14 pasos, á espera da mellora das condicións meteorolóxicas. Os pasos pendentes de executar sitúanse en Cidade de Viveiro, Rúa Castelao, Rúa Rafael de Vega, zona de Ramón Montenegro e rúa Filharmónica Lucense.

Con esta actuación, o Concello busca reducir o risco de atropelo dos peóns e preservar a súa seguridade fronte ao tráfico rodado, unha das principais pretensións do Goberno Municipal, quen busca un modelo de cidade sostible.

A campaña de repintado, segundo declarou o concelleiro, “incluía peticións que lle fixeron chegar ao Concello distintos veciños e veciñas, afectou principalmente aos pasos das principais vías da cidade, as que soportan maior intensidade circulatoria, e ás das inmediacións de centros educativos, todas elas determinadas por técnicos municipais. A pintura empregada foi pintura plástica branca de dous compoñentes, con aplicación de microesferas de vidro, para aumentar a visibilidade desta sinalización horizontal. Ademais este produto ofrece unha maior durabilidade e resistencia ao deslizamento, co que se garante máis seguridade ao viandante”.

Núñez manifestou que  “o plan de repintado contemplaba a actuación de 2.293 m2 nas seguintes rúas: Anxo López Pérez, arredores da Praza da Constitución, Cidade de Vigo, Dinán, Hermanitas, arredores da Praza de Bretaña e da Praza Mártires de Carral, San Roque, Doutor Balanzá, Ramón Montenegro, Rúa do Paxariños, Catasol, Vilalba, Rafael de Vega, Castelao, Serra de Ancares, Camiño Real, Concepción Arenal, Ourense, Betanzos, Pontevedra, Mondoñedo, Anduriñas, Doutor Gasalla, Xermán Alonso, Chantada, Deputación, Rúa do Carme, Santiago, Cidade de Viveiro, Recatelo, Cedrón del Valle, Vila de Sarria, Ribadeo, Pascual Veiga, Praza de Avilés, Rodríguez Mourelo, García Portela, Salvador de Madariaga, Irmáns Vilar Ponte, Doutor Fleming, Celso Emilio Ferreiro, Cambria, Galicia, Jacinto Calvo e Filharmónica Lucense.

Este repintado non é a única mellora que está levando a cabo o Concello na cidade, pois estase  a acometer a reposición do pavimento na rúa Manuel Murguía, co fin de mellorar a accesibilidade e a mobilidade nesta vía, así como obras de accesibilidade nas prazas Maior, Pío XXI e da Soidade e na rúa Soto Freire”. Rematou.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com