A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este martes unha reunión con membros da Policía Local e Protección Civil para ultimar os preparativos para recibir mañá a Volta Ciclista a España, co fin de coordinar e definir os derradeiros detalles da proba deportiva ao seu paso pola cidade e garantizar o éxito e a seguridade, tanto dos participantes como dos espectadores.
Ante a chegada dunhas 4.000 persoas á cidade, segundo datos facilitados pola propia organización da Volta, despregarase un dispositivo de coordinación, no que participarán uns 25 Policías Locais e preto de 30 voluntarios de Protección Civil, que serán reforzados polos corpos de seguridade da Policía Nacional e a Garda Civil de Tráfico. Ademais, o corpo de bomberios disporá de dúas dotacións avanzadas na rúa San Froilán.
Tal e como se dera a coñecer, a entidade local reestruturou o tráfico co obxectivo de asegurar o nomal desenvolvemento deste evento. Deste xeito, a partir das 22:00 horas realizaranse corte totais ou parciais, principalmente na Ronda da Muralla e as súas adxacentes. Do mesmo xeito, dende esta mesma tarde, ás 16:00 horas, queda prohibido o estacionamento nas seguintes rúas:
- Rúa Castelao, dende rúa Escalinata da Estación cara a Ronda Muralla
- Rúa Vilalba
- Rúa Anxo López Pérez
- Ronda Muralla (todo o perímetro)
- Avenida da Coruña, dende Ronda Muralla cara a rúa Irmáns Carro
- Rúa Concepción Arenal
- Rúa Anduriñas
- Rúa Camiño Real, dende rúa Concepción Arenal cara a Ronda Muralla
- Rúa Ourense, dende Ronda Muralla cara a rúa Betanzos
- Rúa Mondoñedo
- Rúa Pontevedra
- Carril bus-taxi interior muralla (todo)
- Praza de Ferrol (todo o perímetro)