O Concello de Lugo deu conta dos datos rexistrados na primeira xornada da campaña ‘O noso mercado é un agasallo’, que ten como obxectivo incentivar o consumo na Praza de Abastos e o Mercado Municipal e destacar a importancia de consumir produtos de proximidade no comercio local, especialmente durante a campaña de Nadal.
Na primeira mañá de promoción, rexistráronse 146 compras de máis de 40 euros, facturando os distintos postos da Praza e do Mercado un total de 6000 euros. Dende o Concello calificaron coma “un éxito” esta primeira xornada de promocións, e afirmaron que “seguiremos durante todas as semanas ata o nadal para promocionar dúas instalacións históricas como son a Praza e o Mercado”.
A campaña celebrarase durante o 2023 todos os sábados en horario de mañá. A área de Participación habilitará un posto durante os días de promoción no horario de apertura da Praza para que todas as persoas poidan achegarse cos tiques dos distintos postos da Praza e do Mercado e canxealos polos agasallos que se entreguen ese día, entre os que destacan varios deseños de bolsas reutilizábeis serigrafiadas cos cadros gañadores do certame de Pintura Rápida ou material promocional da Praza e do Mercado.