O Concello de Lugo espera poder sacar a concurso no mes de marzo o servizo de comedores escolares. Así lle lo asegurou o concelleiro Manuel Núñez a Cidadáns, en resposta ás preguntas formuladas polo Grupo Municipal, que se interesaba tamén pola partida destinada ao mantemento das instalacións dos centros educativos públicos que hai na cidade.
En relación aos comedores escolares, Cidadáns quería saber se o Concello de Lugo recibiu resposta da Xunta de Galicia á solicitude de autorización realizada para poder asumir esta competencia, cando prevé o Concello sacar a concurso este servizo, en que fase está o proceso e se está rematada a documentación necesaria.
O responsable de Educación do Goberno Municipal, Manuel Núñez, respondeu que espera que para o mes de marzo xa se poida sacar a concurso o servizo de comedores e indicou que neste momento falta por rematar o prego administrativo e a consignación orzamentaria necesaria, polo que condicionou a licitación dos comedores escolares á aprobación do Orzamento de 2017.