O Concello xira estes días o recibo do IBI que poderá abonarse en período voluntario até o vindeiro 20 de xuño

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, lembrou hoxe que o pasado 20 de abril comezou o período de pagamento voluntario do IBI.

“Todas aquelas persoas que non teñan domiciliado o Imposto de Bens Inmobles poderán abonalo, segundo as formas de pago recollidas na Ordenanza Fiscal Xeral do Concello de Lugo, ata o vindeiro día 20 de xuño, dentro do prazo establecido no calendario fiscal municipal”, indicou.

O tributo, un dos máis cuantiosos para o Concello supón uns ingresos estimados en torno aos 22 millóns de euros anuais.

A concelleira convidou, asemade, á cidadanía a consultar as bonificacións á ordenanza, entre as que se inclúe, dende este exercicio, un desconto do 50%, durante tres anos, para as vivendas que, sendo residencia habitual, instalen paneis solares.

“Trátase dun incentivo co que pretendemos converter os gravames locais nun estímulo que convide a seguir investindo en Lugo, pero tamén nunha ferramenta de dinamización para alentar á utilización das enerxías renovables, dentro dese modelo de concello verde e sostible que nos sitúa como referente da loita contra o cambio climático”, sinalou Paula Alvarellos

A edil recordou que, así mesmo, gozarán dunha bonificación do 95% da cota íntegra do imposto, durante 3 anos, aqueles inmobles nos que estean ubicadas unicamente construcións nas que se desenvolvan total e exclusivamente actividades económicas agrarias ou gandeiras, pertencentes ao sector primario, que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal polo Pleno, por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento de emprego, que xustifiquen tal declaración.

“Coa novidade – referiu Alvarellos Fondo – de que, dende o pasado xaneiro, este desconto o pode solicitar, ademais do suxeito pasivo, un terceiro que acredite por calquera título, que o ben inmoble figura afecto a unha explotación agrícola ou gandeira”.

Neste senso, a responsable de Gobernanza deu conta de que “só en 2021 resultaron bonificados, por este concepto, 67 inmobles, por unha cota total de 7.114 €, un importe que ascende a 19.000 € sumando as rebaixas efectuadas dende 2019.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com