O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Lugo, ten convocado o terceiro concurso Imaxes con Fondo, que atendendo ao actual contexto internacional, marcado polas migracións e o desprazamento de persoas refuxiadas, convida a reflexionar sobre a interculturalidade, a través de fotos, e este ano e por primeira vez, de vídeos.
O concurso está aberto a persoas de calquera nacionalidade residentes en Galicia e maiores de 14 anos, que poderán presentarse nunha das dúas seccións, cun máximo de tres obras inéditas, que deberán ir acompañadas dun título significativo. Cada sección ten dúas categorías, xuvenil, dos 14 aos 17 anos, e adultos, dos 18 anos en diante.
Todos os interesados poden presentar as súas obras fotográficas ou audiovisuais ata o 15 de outubro. Para elo, as creacións deberanse enviar a imaxesconfondo@gmail.com, e deberán pór en valor a mestura entre nacionalidades, etnias ou culturas, denunciar a discriminación entre culturas, promover o respecto á diversidade e ao diálogo, desmontar estereotipos, amosar a acollida de refuxiados ou amosar accións reivindicativas a prol das persoas migrantes, entre outras posibilidades.