O Congreso Galego de Estatística reúne en Lugo a 120 expertos nacionais e internacionais

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o Presidente do Comité Organizador, José Manuel Colmenero Álvarez; o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a Presidenta da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións, Esther López Vizcaíno, inauguraron este xoves o XII Congreso de SGAPEIO, que, trás 18 anos, volve a acoller a provincia de Lugo, reunindo a máis de 120 expertos nacionais e internacionais.

Desenvolverase dende hoxe e ata o 24 de outubro no Pazo de San Marcos. Este encontro científico ten por obxectivo promover a divulgación científica, así como fomentar a estatística e a investigación operativa en Galicia dende diferentes puntos de vista: na investigación, no ensino, na empresa e nas Administracións Públicas. Esta organizado por SGAPEIO e USC, e conta coa colaboración de Deputación e Concello de Lugo.

Campos Conde destacou que “é imprescindible que todas as administracións nos impliquemos no impulso do ámbito científico, tendo en conta que o recorte neste eido en España supera xa o 40% dende o inicio da crise. Isto supuxo un problema de grande magnitude: a perda de capital humano, o que coñecemos como fuga de cerebros”.

“Dende o ano 2010, son máis de 11.000 os científicos que, debido á escasa oferta laboral, tiveron que levar o seu talento fóra das nosas fronteiras. Para loitar contra este éxodo intelectual, fai falta un forte apoio institucional. A Deputación, e este Presidente, continuarán a implicarse, colaborando con iniciativas como a que hoxe presentamos, ou con medidas como o Plan de Impulso que temos en marcha coa USC, e que contempla bolsas para a captación de talento e divulgación científica”.

Pola súa banda, Lara Méndez destacou a importancia de que, cada vez con maior asiduidade, Lugo sexa sede deste tipo de encontros profesionais, “unha oportunidade económica” pola promoción e difusión que implican do patrimonio cultural, histórico, medioambiental e gastronómico da cidade e da provincia. Así mesmo, a Alcaldesa fixo fincapé en que a estatística pública “é un dos piares fundamentais da transparencia e un instrumento de progreso”, “unha estatística fiable, rigorosa e eficiente, tanto na fase de recollida de datos, na súa análise e no proceso de transformación dos datos a información, a denominada conmumente como cociña”, asegurou.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, subliñou os beneficios que está a reportar a colaboración da Deputación co campus de Lugo da USC, tanto no que se refire a captación de talento e de estudantes, como á boa imaxe que se está a proxectar no exterior da cidade e do labor científico que nela se desenvolve. Proba desta cooperación é a visita programada á Domus do Mitreo ou o concerto de piano ‘Resonancias aritméticas’, a cargo de Juan Ignacio Martínez Pardo, que se desenvolverá a partir das 20.30 horas no auditorio da Casa do Saber.

Entre as ducias de actividades que terán lugar durante os tres días do Congreso atópanse, entre outras, conferencias como “Optimización baixo a incerteza: Unha ollada á programación estoclástica”, ou “A estatística nunha empresa cervexeira. Do dato ao coñecemento”; mesas redondas como “Estatísticas en empresas e laboratorios” ou “Servizos de asesoramento estatístico”; obradoiros como “Análise de datos funcionais con R”, ou visitas a lugares como o Domus do Mitreo, unha excursión á Ribeira Sacra, no que viaxarán nos catamaráns da Deputación.

Finalmente, entregaranse os premios SGAPEIO a novos investigadores. Máis información sobre datas e horarios en www.sgapeio.es

Logo da inauguración do XII Congreso, o Presidente, Alcaldesa de Lugo e o Vicerreitor, xunto a mozos e mozas do I.E.S. Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, coñeceron a exposición “Explorística: Aventuras na Estatística”, enmarcada dentro das actividades do XII Congreso Galego de Estatística e lnvestigación de Operacións. A mostra está avalada pola Agência Nacional para a Cultura Científica e Tecnolóxica Portuguesa (Ciência Viva). Ilustra conceptos de Estatística e Probabilidade para alumnos de ESO e Bacharelato.

Está formada por módulos interactivos que integran diversas actividades relacionadas coa estatística, adaptadas aos niveis formativos do alumnado. Os estudantes de dito centro monfortino puideron participar en seis módulos independentes: Recepción de participantes, tiro con arco, submarino, quiz de censos, datos viciados e sondaxe. Máis información en www.exploristica.com.

A mostra sitúase na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com